Xoves saudables en Praia Xardín

  Print

DATOS IDENTIFICATIVOS

Ámbito temático:

 Saude e condicións de vida,Participación

Data de inicio:

16-06-2011

Data de finalización:

15-09-2011

Entidade:

Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

Categoría da entidade:

Xunta de Galicia

Área xeográfica da experiencia:

Local ou municipal

Territorio de actuación:

Boiro

DESCRICIÓN DA BOA PRÁCTICA

Resumo:

Xoves saudables en Praia Xardín é unha actuación de prevención da dependencia a través da actividade física no entorno comunitario. Esta desenvólvese no marco dos proxectos comunitarios do Consorcio Galego de Servicios de Igualdade e Benestar como fórmula para abrirse á comunidade e promover que o traballo realizado no centro sexa visible para toda a comunidade.
A iniciativa plantéxase como un estudo que permita comprobar en que medida a actividade física pode influír positivamente a nivel físico, psicolóxico e socio-relacional, intervindo así no benestar e na calidade de vida dos participantes.
A actuación baséase na realización de actividade física na praia aproveitando os recursos da mesma (auga, area e parque biosaudable). A través desta actividade búscase obter un beneficio a nivel de saúde, mellorando as capacidades físicas da persoa a través de actividades que fomentan o movemento das principais articulacións do corpo. Preténdese potenciar a parte máis relacional da persoa, fomentando e creando espazos de interacción entre os participantes e incidir sobre o aspecto máis psicolóxico, incrementando o nivel de autoestima e satisfacción persoal a través da participación.

Motivacións para implantar a experiencia:

A saúde é un estado de benestar físico, mental e social e non unicamente a ausencia de enfermidade obxectivable, polo que é un elemento clave para o envellecemento satisfactorio e un estado de benestar e calidade de vida en idade avanzada segundo definición da OMS.
O benestar persoal está estreitamente relacionado coa capacidade funcional, autonomía e competencia para o desenvolvemento da vida diaria e polo tanto para o mantemento dos hábitos, estilos de vida e relacións sociais.
A calidade de vida inclúe as dimensións de saúde física, estado psicolóxico, nivel de independencia, as relacións sociais e co entorno.
Deste xeito, son moitos os aspectos que inflúen no benestar persoal e na calidade de vida dunha persoa.
Tendo presentes todos estes factores dende o Centro de día de Boiro considerouse oportuno realizar un estudo no que reflectir en que medida a actividade física ó aire libre nun contexto grupal, pode influír na mellora do benestar persoal e da calidade de vida das persoas maiores. Abarcando como principais áreas de intervención: a física, a social e a psíquica.

Obxectivos:

Obxectivo xeral:
Procurar unha mellora na calidade de vida das persoas maiores participantes, a través dos beneficios que comporta a realización de actividade física regular nun contexto comunitario.
Obxectivos específicos:
• Promover a autoestima persoal, buscando mellorar as calidades físicas básicas para obter un rendemento máis efectivo no desenvolvemento das actividades da vida diaria.
• Fomentar a práctica de exercicios saudables de forma regular.
• Facilitar un momento de relaxación e escape da vida cotiá, fomentando unha mellora do estado emocional.
• Influír positivamente nos participantes para conciencialos da importancia duns hábitos e prácticas saudables para a prevención de situacións de dependencia.
• Fomentar a interacción social entre os participantes, favorecendo así os procesos participativos no entorno comunitario.
• Crear un espazo de esparexemento e diversión entre os participantes e a poboación.

Poboación obxectivo:

Persoas do Concello de Boiro maiores de 60 anos cun alto nivel de autonomía.

Vinculación con outros programas ou actuacións:

No estudo previo do proxecto valoráronse as actividades físicas ofertadas polo Concello de Boiro, detectando que durante o período estival non se realizaban actividades similares ao aire libre e do tipo das que se propoñían dende o Centro de Día. Deste xeito púidose engadir unha proposta innovadora á oferta de actividades de envellecemento activo destinadas a persoas maiores do Concello.

 

 

IMPLEMENTACIÓN

 Fases ou liñas de actuación:

As principais fases da actividade son:
1. Fase de divulgación.
Toma de contacto con diferentes entidades e asociacións locais que desexen colaborar na divulgación da iniciativa. Concello de Boiro (Departamentos de Servizos Sociais e Deportes, así como a rede de Centros Sociais do Concello) e Cruz Vermella de Boiro. Fáiselle chegar a información ás asociacións da zona.
Elaboración e difusión do material informativo.
Inscrición de participantes e formación do grupo de beneficiarios.
2. Fase de desenvolvemento.
A actividade iníciase cun cuestionario ós participantes onde se abordan dúas áreas (física e psico-social) para valorar o estado xeral de saúde percibido inicialmente polas persoas participantes.
Pasado o cuestionario desenvólvense as actividades programadas primando a innovación e o atractivo, dende o ámbito xerontolóxico (gymkama, aquagym, GAP, voleibol, etc.)
A estrutura dinámica de cada sesión consiste en:
1º. Cinco minutos de quecemento.
2º. Vinte minutos de actividade física.
3º. Trinta minutos de actividade máis lúdica.
4º. Cinco minutos de estiramento e relaxación.
Na derradeira sesión do proxecto pasarase un novo cuestionario ós participantes para avaliar a través deste os resultados obtidos a tódolos niveis.
3. Fase de avaliación
A fase de avaliación contén:
Avaliación continua, levada a cabo durante o desenvolvemento das sesións. A realizan os responsables das intervencións a través da observación e analizanse aspectos relacionados coa participación, implicación e aproveitamento das sesións. Tamén se avalía cualitativamente en que medida os obxectivos se están acadando e se teñen en conta as achegas dos participantes para a adaptacións das actividades propostas.
Os resultados dos cuestionarios cumprimentados polos participantes (pretest e postest) proporcionan os datos que permiten avaliar as diferenzas na calidade de vida percibida polos participantes antes e despois do desenvolvemento das intervencións. Analízase os resultados acadados nos diferentes niveis nos que se intervén: físico e psico-social.
O obxectivo desta avaliación é obter o resultado do estudo: comprobar en que medida a actividade física pode influír positivamente a nivel físico, psicolóxico e socio-relacional.
A metodoloxía empregada nas intervencións é participativa, dinámica e activa. Búscase que os participantes sexan os protagonistas, participando activamente no desenvolvemento da dinámica das intervencións.

 Actores que interveñen:

- Centro de día de Boiro (Xunta de Galicia. Intervén en todas as fases do proxecto como entidade promotora.
- Concello de Boiro(Administración local). Intervén na fase de difusión como entidade colaboradora.
- Cruz Vermella (Entidade non lucrativa). Intervén na fase de difusión como entidade colaboradora.
- Centros sociais do Concello de Boiro (Administración local). Intervén na fase de difusión como entidade colaboradora.

 Recursos que dispoñen

- Recursos económicos: fondos propios.
- Recursos humanos: fisioterapeuta; Educadora social;Persoal xerocultor.
- Outros recursos: materiais de deportes cedidos polo Concello de Boiro.

 

RESULTADOS

 Produtos obtidos:

O total de persoas inscritas ao longo do desenvolvemento da actividade ascendeu a 18, cunha media de 6 participantes por sesión.
Atópase unha descontinuidade na participación, debido a temas diversos de carácter persoal, este aspecto dificultou a regularidade individual en canto á realización dos exercicios propostos.
A nivel xeral a intervención é positiva, xa que o 100% das persoas que finalizaron o proxecto, mostraron unha alta satisfacción co mesmo, segundo indicaron no cuestionario ao efecto.

Documentación producida:

RESUMO E CONCLUSIÓNS DO PROXECTO - IMAXE DO POSTER 15/06/2012

Descargas:

Documento_1

Difusión:

As canles de difusión empregadas para dar publicidade ó programa foron a prensa (radio, televisión e prensa escrita local), carteis informativos situados nos puntos de interese do municipio e a propia difusión verbal realizada polo Concello de Boiro a través da rede de Centros Sociais e na Cruz Vermella de Boiro.
Os resultados do proxecto reflectíronse nun póster presentado na xornada "Envellecer activamente. Presente e futuro", organizada pola Xunta de Galicia e realizada o 15 de xuño de 2012 en Santiago de Compostela.

Impacto:

A participación no programa conseguiu influír positivamente nas persoas participantes para conciencialas da importancia duns hábitos e prácticas saudables para a prevención das situacións de dependencia.
Creouse, así mesmo, un espazo de esparexemento e diversión entre os participantes e a poboación e fomentouse a interacción social e a promoción do envellecemento activo.

 

MAIS INFORMACIÓN 

 Persoa de contacto:

Mercedes Lijó Reboiras

Entidade:

Centro de día de Boiro

Teléfono:

981 107 289

Enderezo:

Praia Xardín, Españadal (As Colonias)

Enderezo electrónico:

Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.

Páxina Web:

 http://www.igualdadebenestar.org

 

POR QUE É UNHA BOA PRÁCTICA?

 O plantexamento sinxelo da experiencia fai desta experiencia unha práctica totalmente transferible a outros contextos e lugares.
A colaboración interinstitucional confírelle o trazo de innovación relacional que proporciona a consolidación de redes de colaboración na co-xestión de iniciativas.
Unha clara planificación operativa e un evidente impacto positivo, destacan no desenvolvemento do programa.