Unidades de Promoción do Exercicio Físico Saudable - UPES

  Print

DATOS IDENTIFICATIVOS

Ámbito temático:

 Saude e condicións de vida

Data de inicio:

2012

Data de finalización:

Vixente

Entidade:

Fundación Deporte Galego

Categoría da entidade:

Xunta de Galicia

Área xeográfica da experiencia:

Autonómica

Territorio de actuación:

Galicia

DESCRICIÓN DA BOA PRÁCTICA

Resumo:

As Unidades de Promoción de Exercicio Físico Saudable (UPES) son unidades de referencia para a promoción da actividade física que, independentemente da súa ubicación nos distintos ámbitos: local, educativo, empresarial, sanitario, social ou deportivo, atenden e asisten aos cidadáns en materias de práctica regular e adecuada de exercicio físico saudable, fomentando a adquisición de hábitos saudables a través do exercicio e a actividade física. As UPES parten das premisas básicas de "informar+asesorar+avaliar a condición física saudable+prescribir activiade física e exercicio físico para a saúde".

Motivacións para implantar a experiencia:

No marco da “Estratexia para a Nutrición, Actividade Física e Prevención da Obesidade”, aprobada no 2005 polo Ministerio de Sanidade e Consumo, e do “Plan Integral para a Actividade Física e o Deporte A+D”, aprobado no ano 2010 polo Consello Superior de Deportes; a Xunta de Galicia decidiu actuar de forma decida para reducir o impacto destas enfermidades.
O goberno de Galicia convencido dos enormes beneficios que a práctica regular da actividade física achega á saúde da cidadanía, pon en marcha o "Plan Galego para o fomento da actividade física Galicia Saudable", unha iniciativa de carácter integral que nace liderada pola propia presidencia da Xunta de Galicia e que se implanta baixo a coordinación da Secretaria Xeral para o Deporte.

Obxectivos:

As Unidades de Promoción do Exercicio Físico Saudable, como medidas do Plan Galego para o fomento da actividade física Galicia Saudable que son, comparten os seus principais obxectivos. As UPES son as células de implantación do Plan no territorio. Trátase dunha transformación da concepción dos servizos e da oferta ao cidadán, non se trata de aportar novos recursos nin investimentos, senón de empregar doutra maneira o que xa se ten e ou o que xa existe. A filosofía das UPES parte do traballo en REDE, compartindo recursos e fomentando e posibilitando, a través da acción conxunta, o incremento da carga de actividade física saudable no noso día a día. As UPES teñen por obxectivo chegar ao 100% da poboación, ofertando a cada grupo de idade, en función das súas posibilidades e intereses, unha actividade física de calidade, personalizada e orientada a mellora da saúde.
Dentro dos seus principais cometidos está o de ofrecer unha carta de servizos de calidade orientados a mellora da saúde a través da practica regular de actividade física, exercicio fisico e deporte.
O Plan ten como obxectivo prioritario, crear as condicións necesarias para que a poboación galega goce dunha vida máis activa, que permita conservar a saúde e a autonomía persoal, gozar de maior benestar e calidade de vida, e previr e reducir a presenza de enfermidades relacionadas co sedentarismo, dende a infancia ata a vellez.

Os obxectivos xerais son:
1.Informar, divulgar e sensibilizar á poboación, ás institucións, ás organizacións e aos medios de comunicación galegos acerca da relación positiva entre a actividade física cotiá e a saúde.
2.Xerar estruturas interinstitucionais, interdepartamentais e interprofesionais que permitan a participación a todos os axentes interesados e con responsabilidade no fomento da actividade física saudable.
3.Facilitar as oportunidades que lle permitan á cidadanía galega ser fisicamente máis activa, e contribuír ó cambio de hábitos necesarios para que todos e todas poidamos incorporar a actividade física nas nosas vidas cotiás.
4.Aumentar os niveis de práctica de actividade física en toda a cidadanía galega de modo que sexan suficientes para evitar os efectos prexudiciais do sedentarismo e mellorar a súa saúde, o seu benestar e a súa calidade de vida.
5.Garantir a participación en igualdade de todos os galegos e as galegas, e presentarlles apoio especial aos colectivos con máis risco de sedentarismo e con desigualdade de oportunidades: mulleres, persoas con enfermidades e/ ou discapacidade, persoas maiores e colectivos en risco de exclusión social.
6.Impulsar a formación e a investigación, e entender que a educación e o mellor coñecemento da realidade son fundamentais para o progreso social e cultural.

Poboación obxectivo:

Toda a poboación galega.

Vinculación con outros programas ou actuacións:

As UPES forman parte das medidas e proxectos a desenvolver polo Plan Galego para o fomento da actividade física Galicia Saudable, polo que a vinculación co resto de Programas, Proxectos e medidas do Plan é total, dado o carácter integral co que se concibe Galicia Saudable.

 

 

IMPLEMENTACIÓN

 Fases ou liñas de actuación:

As UPES, en función dos recursos que teñan ó seu alcance, poden ser catalogadas nun dos catro tipos distintos de UPES, dende a máis básica, a UPE tipo I, ata a máis avanzada, a UPE tipo IV.
Requisitos + funcións + proxectos actividades PFAFL:
Nivel I
• Adherirse ao Plan Galicia Saudable (PGS).
• Darse de alta na Plataforma Galicia Activa e inventariar e trasladar os recursos da súa entidade a dita plataforma.
• Persoa responsable ( sen perfil formativo definido).
• Colaborar na difusión da información sobre o PGS e os beneficios xerais da práctica regular da actividade física (punto de información e difusión xeral do Plan).
• Participar no Plan de Formación (non obrigatorio).
• Elaborar o Plan Local de Fomento da Actividade Física Saudable (curso ad-hoc) (non obrigatorio).
Nivel II + UPE I
• Persoa responsable: Técnico Superior en Animación de Actividades Físicas e Deportes (TAFAD) ou superior.
• Dispoñer dun espazo para a atención ao público.
• Participar no Plan de Formación (redacción dun Plan Local de Fomento da Actividade Física Saudable).
• Elabora o Plan Local de Fomento da Actividade Física Saudable.
• Avaliar riscos e CFS.
• Asesoramento xeral sobre Actividade Física.
• Promoción de proxectos, programas e accións propias ou facilitadas polo PGS.
• Instalar un punto móvete.
• Dinamizar o parque saudable e outras actividades a través do punto móvete.
Nivel III + UPE II
• Persoa responsable: Licenciado en Ciencias da Actividade Física e o Deporte (LCAFD) ou Grado en Ciencias da Actividade Física e o Deporte (GCAFD).
• Avaliar riscos e prescrición de exercicios en persoas sas ou con baixo risco.
Nivel IV + UPE III
• Persoa responsable: LCAFD / GCAFD / profesional da saúde con formación posgraduada especializada.
• Adherirse por convenio o PGS.
• Avaliar riscos e prescrición de exercicio en persoas con factores de risco e/ ou patoloxías.

 Actores que interveñen:

- Fundación Deporte Galego (Administración autonómica). Intervén nas fases de inicio, apoio e avaliacion como entidade promotora.
- Entidades adheridas: Administración autonómica, administración local, entidades non lucrativas, entidades privadas. Interveñen na implementación do programa como entidades beneficiarias.

 Recursos que dispoñen

Outros recursos: plan de formación;Plataforma DAFIS (Datos de Actividade Física Saudable); Oficina Técnica do Plan Galicia Saudable.

 

RESULTADOS

 Produtos obtidos:

A data de outubro do 2013 recibíronse 66 solicitudes de creación de UPES. Respecto á tipoloxía das solicitudes recibidas, amósase a seguinte información:
1.Número total de solicitudes recibidas: 66.
•Concellos: 62
•Mancomunidades de concellos: 1
•Clubs: 2
•Outras (Complexo deportivo empresa privada): 1
2.Por tipo de UPES:
•UPE tipo IV: 2 (1 mancomunidade de concellos e 1 empresa privada)
•UPE tipo III: 12 (Concellos)
•UPE tipo II: 11 (Concellos)
•UPE tipo I: 41 (39 concellos e 2 entidades deportivas/clubs)
3.Solicitudes dos concellos por provincias:
•A Coruña: 27
•Lugo: 7
•Ourense: 15
•Pontevedra: 14
4.Solicitudes doutras entidades por povincias:
•A Coruña: 1
•Lugo: 0
•Ourense: 1
•Pontevedra: 1
5.Poboación potencial sumando todas as UPES: 477.243 habitantes.

No caso das Andainas do ano 2012, establecéronse tres niveis de dificultade, en función da lonxitude percorrida e da cordo á planimetría mínima: Lixeiro (ata 3 km); Moderado (entre 3-6 km); Intenso (entre 6-9 km). As solicitude para ser sede dunha andaina fixéronse a partires do cumprimento das seguintes condicións mínimas: que o Concello estivera admitido adherido o que foise unha UPE; que p patrocinador da andaina tivese un centro de referencia no territorio. As andainas contaron coa participación de 12 concellos (Aínda que unha proba foi suspendida pola tormenta tropical Nadine, no concello de Cambados) e cunha participación final de 1.295 persoas.

Documentación producida:

- Plan Galego para o fomento da actividade Física.
- As Unidades de Promoción de Actividade Física Saudable - UPES.
- Formulario de Solicitude de creación dunha UPE.
- Autoavaliación para a creación dunha UPE.
- Memoria circuito andainas 2012.
- Paneles dos itinerarios saudables.

Descargas:

Documento_1

Documento_2

Documento_3

Difusión:

Para a difusión das UPES, utilízanse as seguintes canles:
•Web de Galicia Saudable: http://galiciasaudable.xunta.es
•Perfil de facebook: https://www.facebook.com/galiciasaudable
•Notas de prensa.
•Dípticos promocionais
•Difusión de andainas a través da entidade cooperante (Eroski)

Impacto:

Aínda que son poucos os meses de execución do proxecto e, por tanto, o seu impacto é complexo de calcular, pódese concluír que as solicitudes recibidas supoñen unha aproximación potencial á realización de actividades saudables para 477.243 persoas.

 

MAIS INFORMACIÓN 

 Persoa de contacto:

Javier Rico Díaz

Entidade:

Fundación Deporte Galego

Teléfono:

881 99 98 40

Enderezo:

Estadio Multiusos de San Lázaro, portal 4, 15781,

Enderezo electrónico:

Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.

Páxina Web:

 http://galiciasaudable.xunta.es/

 

POR QUE É UNHA BOA PRÁCTICA?

 As Unidades de Promoción do Exercicio Saudable (UPES) supoñen unha nova resposta do sector público que pretende unha modificación dos comportamentos da cidadanía a través dun alto grao relacional, tanto con entidades privadas como nos diferentes niveis da Administración Pública, que responden ás necesidades da poboación para lograr un crecemento / envellecemento saudable a partires do fomento da actividade física.

Ademais do seu carácter innovador, as UPES son factibles pola súa viabilidade interna, técnica e ambiental, sendo actuacións transferibles pola sinxeleza das súas actuacións que, grazas ao seu alto grao de planificación, avaliación e participación, poden obter o grao de sustentabilidade necesario para xerar un gran impacto positivo no futuro.