Voluntariado Dixital - VOLDIX

  Print

DATOS IDENTIFICATIVOS

Ámbito temático:

Participación

Data de inicio:

15-01-2012

Data de finalización:

Vixente

Entidade:

Xunta de Galicia

Categoría da entidade:

Xunta de Galicia

Área xeográfica da experiencia:

Autonómica

Territorio de actuación:

Galicia

DESCRICIÓN DA BOA PRÁCTICA

Resumo:

O Programa Voluntariado Dixital é un proxecto solidario que ten como obxectivo achegar as novas tecnoloxías a unha maior porcentaxe de poboación, favorecendo a inclusión dixital de toda a cidadanía, especialmente entre os colectivos de persoas maiores e de persoas con discapacidade.
A iniciativa suma a solidariedade individual, a responsabilidade social das empresas TIC e o aproveitamento das infraestruturas públicas para incrementar as accións de alfabetización dixital. Por iso, conta coa colaboración e compromiso de persoas voluntarias, entidades de acción voluntaria, organismos públicos e privados e empresas que actúan como mecenas dixitais.

Motivacións para implantar a experiencia:

Internet e as Novas Tecnoloxías están abrindo unha nova vía para realizar innovadoras formas de voluntariado.
Dende a administración galega, entenderon que debían ser os motores desta nova oportunidade de ofrecer o seu coñecemento no ámbito das TIC para que as diferentes áreas da administración e entidades e/ ou organización públicas e privadas poidan aproveitar estas novas oportunidades e estas novas formas de realizar accións solidarias.

Obxectivos:

O Programa Voluntariado Dixital é un proxecto solidario que ten como misión garantir a inclusión dixital de toda a cidadanía, mediante a colaboración de persas voluntarias, co obxectivo xeral de fomentar a inclusión social, utilizando as TIC como ferramenta.
O programa de Voluntariado Dixital ten como obxectivos:
• Promover a innovación na xestión.
Potenciación do uso das novas tecnoloxías pola cidadanía e apoio e consolidación do seu uso no terceiro sector posibilitando a súa autonomía, participación, colaboración e mellora na súa xestión diaria.
• Promover novos valores na sociedade.
Fomentar a responsabilidade da propia sociedade civil a través da dedicación voluntaria de tempos e capacidades, xa sexa a nivel individual ou a través de responsabilidade social empresarial (RSE) por parte do sector privada e outras entidades e organizacións de calquera ámbito na comunidade galega.
• Promover a eficiencia e cooperación: Máis por menos.
Contribuír a xerar e difundir a MARCA Voluntariado e Novas Tecnoloxías como unha marca que canalice as diferentes ACCIONS SOLIDARIAS na comunidade galega que inciden directamente na mobilización da cidadanía de cara á Sociedade da Información e o Coñecemento.

Poboación obxectivo:

Este é un programa que está aberto a toda a cidadanía en xeral, pero está orientado especialmente a cubrir as carencias tecnolóxicas daqueles colectivos que presentan maior risco de exclusión social.
Na primeira fase de implementación do programa os colectivos sobre os que más se focalizou o traballo foron:
- Persoas maiores
- Persoas con discapacidade.
En sucesivas fases de execución do programa os públicos obxectivos ampliaranse:
- Colectivos en risco de exclusión social e/ou dixital
- Pais e nais
- Persoas hospitalizadas
- Mulleres
- Desempregados/as
- Mozos/as
- Emprendedores

Vinculación con outros programas ou actuacións:

O Programa Voluntariado Dixital está totalmente vencellado ós proxectos e programas que se veñen desenvolvendo dende a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar a través tanto da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (Rede CeMIT) como doutros Programas como o TIC TAC Adapta. E responde as necesidades definidas nos diferentes Plans da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, Plan Galego das Persoas Maiores, Plan de Acción Integral para as persoas con discapacidade, Galicia 2010-2013 e o III Plan Galego de Voluntariado, desenvolvendo algunhas das medidas incluídas neles como actuacións a desenvolver.

 

IMPLEMENTACIÓN

 

Fases ou liñas de actuación:

Os elementos necesarios para poder desenvolver as actuacións do Programa de Voluntariado Dixital son fundamentalmente os seguintes:
- Captación, selección e xestión dos voluntarios dixitais.
- Potenciación da participación de entidades colaboradoras e entidades de acción voluntaria.
- Poñer a disposición do programa as infraestruturas e recursos tecnolóxicos máis axeitados ás necesidades dos seus colectivos de actuación.
Os voluntarios dixitais son os encargados de axudar no proceso de alfabetización dixital. As súas principais funcións son completar as accións de alfabetización pastas en marxa pola AMTEGA e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado a través da Rede CeMIT e chegar ós colectivos que descoñecen os beneficios das novas tecnoloxías e ensinarlles as oportunidades que lles ofrece esta forma de comunicación.
As entidades participantes poden desenvolver diferentes roles:
Entidades de Acción Voluntaria (EAV): son organizacións do terceiro sector e da acción voluntaria que participan directamente na execución do proxecto.
As liñas de colaboración son:
1 Aportación de voluntarios.
2 Canalización conxunta de iniciativas tecnolóxicas.
Entidades Colaboradoras Estratéxicas: son entidades públicas e privadas que representan intereses profesionais, académicos, empresariais e/ou sociais, que se converten en colaboradoras fundamentais do programa dunha maneira continua e duradeira.
As liñas de colaboración son:
1 Difusión do programa nos seus colectivos de actuación.
2 Participación na elaboración da carta de servizos do programa.
3 Cesión de uso de espazos TIC.
4 Participación na selección e formación de voluntarios.
Mecenas dixitais: son empresas privadas do sector TIC que participan nas diferentes liñas de mecenado definidas no programa.
As liñas de mecenado dixital definidas son:
1 Voluntariado corporativo.
2 Formación de usuarios.
3 Doazón de bens capitais.
4 Cesión de uso de espazos TIC.
5 Apoio á comunicación.
6 Financiamento de eventos.
Unha das ferramentas máis importantes de fomento e soporte do programa é o Portal Web – http://voluntariadodixital.xunta.es – e a través do cal:
• Transmítese a información xenérica do programa.
• Xestionase on-line a alta dos usuarios: voluntarios e entidades participantes.
• Xestionase on-line os servizos que ofrecen os voluntarios.
• Accédese a recursos formativos a utilizar polos voluntarios.
• Realízase a solicitude de actividade definidas na carta de servizos.

 

 Actores que interveñen:

- Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia AMTEGA(Administración Autonómica) Intervén en todas as fases do proxecto como entidade impulsora.
- Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado (Administración Autonómica). Intervén en todas as fases do proxecto como entidade impulsora.
- Voluntarios dixitais(Persoas individuais). Interveñen na implementación como colaboradores do proxecto.
- Entidadades Participantes: todo tipo de entidades, asociacións, empresas e administracións públicas.

 Recursos que dispoñen:

- Recursos económicos: 100.000 € anuais.
- Recursos humanos:200 voluntarios e 74 entidades colaboradoras.

RESULTADOS

 

Produtos obtidos:

As actuacións realizadas están a ser:
- 2 módulos de formación básica para voluntarios dixitais
1) Módulo I “Obxectivos e alcance do programa” Marzo 2012
2) Módulo II” Voluntariado e habilidades sociais” Abril 2012
- 3 Proxectos en colaboración coas entidades adheridas ao programa
1) Internet móbil para persoas maiores
A xornada, foi impartida por profesionais da empresa tecnolóxica Everis, mecenas dixital do programa, e participaron 100 persoas maiores usuarias da Aulas da terceira idade da Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos, ATEGAL, organismo colaborador da iniciativa.
2) A busca de emprego a través das redes sociais dirixido a persoas con discapacidade
Voluntarios dixitais da empresa EDNON, mecenas dixital do Programa, impartiron este seminario a persoas con discapacidade pertencentes a COGAMI.
3) Seguridade na rede
Voluntarios dixitais da empresa R, mecenas dixital do programa VolDIX, en colaboración con INTECO, o Instituto Nacional de Tecnoloxías da Comunicación do Ministerio de Cultura, comezaron a impartir nalgúns centros de Primaria e Secundaria de Galicia unha serie de charlas para formar ás familias e ao profesorado sobre o uso seguro das tecnoloxías da información entre os máis pequenos. As charlas foron impartidas por profesionais da empresa R, en base a contidos do INTECO, e os asistentes obtiveron as claves para que os seus fillos e alumnos naveguen evitando riscos e para sensibilizalos da importancia de protexer aos cativos na rede. Este proxecto continua executándose no ano 2013.
- 3 Xornadas temáticas de divulgación en colaboración coas entidades adheridas ao programa
1) I Xornada de Boas Prácticas en Tecnoloxía para a Inclusión Social
Durante a xornada once empresas tecnolóxicas galegas expuxeron 13 solucións e aplicacións dispoñibles no mercado ou en fase de elaboración orientadas especificamente para persoas con discapacidade, persoas maiores e dependentes. Tras a presentación representantes das asociacións TIC galegas AGASOL, AGESTIC, EGANET, INEO e o CLUSTER TIC e das organizacións sociais CRUZ ROJA, COGAMI, FAXPG, FEGADACE, ONCE, FEAFES GALICIA , DOWN GALICIA e AUTISMO GALICIA, participaron nunha mesa redonda sobre a contribución tecnolóxica ao benestar social.
2) Xornada “O uso da web 2.0 e as redes sociais nas organizacións sociais”
O Grupo de Investigación de Novos Medios da Facultade de Comunicación da USC impartiu unha conferencia sobre infotendencias, redes sociais e as diversas formas de participación social xurdidas a través da web 2.0. A empresa TUAPLI, mecenas dixital de VolDIX, realizou unha demostración práctica da aplicación de marketing a través de redes sociais. Participou persoal técnico de 50 entidades do terceiro sector galego.
3) Xornada “Identidade dixital e busca de emprego 2.0”
Un grupo de 100 voluntarios dixitais participaron nesta xornada, e 40 pertencían aos Espazos de Busca Activa de Emprego (EBAE´S) da Cruz Vermella. Catro expertos nestas áreas foron os encargados de relatar as súas experiencias. Ángeles Otero, delegada da zona norte de Infojobs, Roberto Rodríguez, responsable de Atracción de Talento de R, Francisco José Collado, autor do libro "Twiter e a busca de emprego” e Alberto Fernández, director de Desenvolvemento de Negocio de Ega Consultores.
- Xestión de 15 apoios dixitais por parte dos voluntarios nas entidades de acción voluntaria
15 persoas voluntarias dixitais participaron en 10 apoios dixitais no ano 2012 solicitados por entidades de acción voluntaria adheridas ao programa VolDIX.
- Xestión de solicitudes de equipamento tecnolóxico por parte das entidades de acción social
No mes de decembro, a Fundación Abertis, a través do xestor de residuos Revertia, mecenas dixital do Programa VolDIX, donou 27 equipos informáticos á 3 centros sociais asociados á entidade Unión Democrática de Pensionistas e Xubilados UDP.

Documentación producida:

- Programa de formación de voluntariado dixital.
- Modelo de xestión programa volDIX.
- Presentación volDIXITAL.
- Tríptico GALICIA TI TAC ADAPTA.

Descargar:

Difusión:

As principais canles de difusión do Programa Voluntariado Dixital son:

- https://voluntariadodixital.xunta.es/
- http://www.voluntariadogalego.org/web/
- http://imit.xunta.es/portal/; PERFILES REDES SOCIAIS AMTEGA/
- https://voluntariadodixital.xunta.es/videoteca; BLOG XENTE DIXITAL
- http://blogs.xunta.es/xentedixital/

Impacto:

Na actualidade o Programa Voluntariado Dixital ten mais de 200 voluntarios adheridos e 74 entidades colaboradoras, entre concellos, entidades públicas e privadas e organizacións de acción social.
O acto público de sinatura dos protocolos de colaboración cos mecenas dixitais e entidades colaboradoras, celebrado no mes de xuño do ano 2012, estivo presidido pola directora da Amtega, Mar Pereira, e o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro. En representación dos asinantes interviñeron Anxo Queiruga, presidente do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade na Comunidade (CERMI Galicia); María Luisa Ansorena, presidenta da Unión Democrática de Pensionistas; Fernando Suárez, presidente do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia; Manuel Ruiz, alcalde Ribeira en representación da FGAMP; e Antonio Rodríguez del Corral, vicepresidente e presidente en funcións do Cluster TIC Galicia.
O Programa foi elixido pola Comisión Europea como exemplo de boa práctica par a inclusión social a través das TIC en abril de 2013.

MAIS INFORMACIÓN 

 

Persoa de contacto:

Felícitas Rodríguez González

Entidade:

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galici

Teléfono:

881 995 195

Enderezo:

Cidade da Cultura de Galicia, 15702 - STCO

Enderezo electrónico:

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

Páxina Web:

 http://www.voluntariadodixital.xunta.es

POR QUE É UNHA BOA PRÁCTICA?

 Voluntariado Dixital é un programa innovador dende a súa concepción, xa que as resposta que proporciona as actuais necesidades dixitais da sociedade pasan pola creación e consolidación dunha de rede de axentes que colaboran no desenvolvemento do programa.
O precoz recoñecemento internacional do programa de Voluntariado Dixital ,por parte da Comisión Europea, proporciona ó programa un valor engadido, de calidade e notoriedade, no eido sobre o está a traballar, a inclusión social a través das TIC.