Programa de preparación para a liberdade na ciber-aula do módulo Nelson Mandela (C.P. Teixeiro).

  Print

DATOS IDENTIFICATIVOS

Ámbito temático:

 Participación

Data de inicio:

2007

Data de finalización:

Vixente

Entidade:

Centro de Benestar Sociocomunitario de Vilalba e Fundación La Caixa

Categoría da entidade:

Xunta de Galicia

Área xeográfica da experiencia:

Local ou municipal

Territorio de actuación:

Vilalba e Teixeiro

DESCRICIÓN DA BOA PRÁCTICA

Resumo:

O Programa de Voluntariado da Ciber-aula do Módulo Nelson Mandela do Centro Penitenciario de Teixeiro non é soamente un programa de formación en informática aos internos do Centro Penitenciario.
Os Obradoiros de Informática para internos do Centro Penitenciario de Teixeiro son a desculpa para crear un espazo de interacción entre os internos e os voluntarios, persoas maiores formadas na Ciber-aula do Centro Sociocomunitario de Vilalba, e onde se favorecen as relacións interpersoais e interxeracianais dos participantes, internos e voluntarios, compartindo afeccións, inquedanzas e vivencias. Deste xeito, co transcurso do tempo, o presente programa puido diversificar a súa oferta formativa cara a outros campos como as habilidades sociais, etc. A participación, no programa, dos alumnos e profesorado convérteo nunha ferramenta óptima de inclusión social.

Motivacións para implantar a experiencia:

A colaboración entre o Centro Sociocomunitario de Vilalba e o Programa de Preparación para a Liberdade da Fundación “la Caixa” pon en marcha o Programa de Voluntariado da Ciber-aula do Módulo Nelson Mandela do Centro Penitenciario de Teixeiro.
A través deste programa búscase a activación da xente maior do Centro sociocomunitario o tempo que se pretende dotar de formación efectiva á poboación reclusa do Centro de Teixeiro.
É dicir, por un lado consíguese ocupar a aquelas persoas maiores que demostran interese tanto en recibir formación en informática como en ser formadores nesta materia, situándoos no núcleo do proxecto. E, por outro lado, conséguese activar e dinamizar a poboación privada de liberdade do Centro penitenciario a través da formación e o contacto co grupo de persoas voluntarias.

Obxectivos:

Os obxectivos xerais do Programa de Voluntariado da Ciber-aula do Módulo Nelson Mandela:
• Integrar ao individuo/a na comunidade.
• Afianzar as relacións interpersoais e interxeracionais.
• Favorecer a participación, o respecto mutuo, a colaboración, o traballo en grupos, etc.
• Potencias a autoestima.
• Manexar técnicas básicas de informática.
• Favorecer a comunicación
E, os obxectivos específicos:
• Respectar as diferenzas individuais.
• Valorar e respectar o que faga cada un e o que fagan os demais.
• Adquirir unha serie de conceptos e técnicas no manexo do ordenador.
• Mostrar interese por crear cousas por iniciativa propia.
• Ter conciencia das posibilidades e limitacións propias e alleas, sen ser iso motivo de frustración.

Poboación obxectivo:

No Programa de Voluntariado da Ciber-aula do Módulo Nelson Mandela pódese identificar dúas poboacións obxectivo, poboación destinataria e poboación beneficiaria.
• A poboación destinataria son as persoas internas do Centro Penitenciario de Teixeiro con idades comprendidas entre os 20-32 anos.
• A poboación beneficiaria son as persoas maiores que pertencen ao grupo do voluntariado do Centro Sociocomunitario de Vilalba. Esta poboación benefíciase dunha activación social a través, do propio coñecemento adquirido na súa formación para ser formadores, e da participación social que supón a súa intervención no Programa.

Vinculación con outros programas ou actuacións:

O Programa de voluntariado da ciber-aula do módulo Nelson Mandela (C.P.Teixeira) inscríbese no Programa de Preparación para a Liberdade do Centro Penitenciario de Teixeiro da Fundación “la Caixa”. Este programa desenvólvese no Módulo I da prisión, denominado Módulo Nelson Mandela.
O obxectivo do Programa de Preparación para a Liberdade é a procura da preparación destas persoas, dunha maneira especial e intensiva, para súa vida en liberdade. O Programa xira en torno a cinco eixos de actuación: deportivo, psicosocial, ocupacional, inserción laboral, social e familiar e a escola, neste último é onde se sitúa o inicio do programa de voluntariado da Ciber-aula.

 

 

IMPLEMENTACIÓN

 Fases ou liñas de actuación:

O programa distribúese en varias fases:
• Fase de deseño. Nesta fase interveñen a Fundación “la Caixa”, o Centrosociocomunitario de Vilalba (Consellería de Traballo e Benestar) e o Centro Penitenciario de Teixeiro (Ministerio del Interior a través do equipo de inclusión do C.P. de Teixeiro).
• Fase de impulso. Na fase de impulso do proxecto incorpóranse outras entidades como son as asociacións de Persoas con Discapacidade (AMBEPA) e a asociación de Voluntarios de Informática (ASVIGAL-Vilalba).
• Fase de execución. A fase de execución iníciase coa formación das persoas maiores voluntarias. Esta formación lévase a cabo na Ciber- aula do Centrosociocomunitario de Vilalba. Unha vez o grupo de persoas maiores voluntarias esta formado e preparado comeza a impartición dos obradoiros no Centro Penitenciario de Teixeiro.
A metodoloxía levada a cabo nos obradoiros de informática é participativa e activa. O profesorado ou monitores/as marcan as pautas de traballo ao inicio da sesión, indicando o que se pretende facer e os programas cos que se vai traballar. Ao longo de cada sesión xéranse oportunidades de interacción entre o persoal interno do centro e o persoal formador potenciando a comunicación e participación.
Os obradoiros distribúense en 51 sesións de tres horas e media cada unha.
• Fase de avaliación. O persoal directivo das tres entidades que lideran o proxecto avalían o progreso formativo dos internos do centro de Teixeiro. Tamén se realiza unha autoavaliación ao persoal voluntario ou profesorado. As avaliacións son semestrais.

 Actores que interveñen:

• Centro sociocomunitario de Vilalba (Administración Autonómica). Intervén en todas as fases do programa: definindo, monitorizando e avaliando.
• Obra Social "La Caixa" (Fundación). Intervén en todas as fases do programa: definindo, monitorizando e avaliando.
• Equipo de inclusión do C.P. de Teixeira (Administración estatal). Intervén en todas as fases do programa definindo, monitorizando e avaliando.
• Asociación Voluntarios de Informática de Galicia (ASVIGAL). Entidade sen ánimo de lucro. Intervén na fase de deseño e execución da formación.
• Asociación de Persoas con Discapacidade (AMBEPA). Entidade sen ánimo de lucro. Intervén na fase de deseño, execución e avaliación da formación.

 Recursos que dispoñen

Recursos económicos: o financiamento é integramente da Fundación "la Caixa".
Recursos humanos: 10 persoas voluntarias.

 

RESULTADOS

 Produtos obtidos:

Dende o seu inicio o Programa de Voluntariado da Ciber-Aula obtivo resultados tanxibles importantes que resúmense na repetición do programa ano tras ano dende 2007.
A permanencia do programa ten un claro impacto no grao de rotación tanto das persoas que integran o equipo de voluntarios de ASVIGAL, como das persoas internas do Centro Penitenciario de Teixeiro, que recibiron a formación en informática.
No ano 2011 a participación de ASVIGAL incrementouse cunha colaboración activa na organización e participación nas saídas terapéuticas de persoas internas na contorna territorial de Vilalba.
Os seus resultados do programa quedan avalados pola obtención da “Medalla de Prata ó Mérito Social Penitenciario” outorgada polo Ministerio del Interior al Programa.

Documentación producida:

Doosier de prensa do programa.

Descargas:

Difusión:

A difusión do programa de voluntariado realízase a través de diferentes canles.
Externamente o programa dáse a coñecer a partires:
• Da propia Fundación “la Caixa” (Obra Social “la Caixa”) polos mecanismos propios da Fundación.
• Do Centrosociocomunitaio de Vilalba polos mecanismos propios da Consellería de Igualdade e Benestar.
• Do Centro Penitenciairo de Teixeiro polos mecanismos propios do Ministerio del Interior.
A difusión interna necesaria para a obtención de persoas maiores que voluntariamente desexen participar no programa realízana as entidades participantes no programa ASVIGAL e AMBEPA.

Impacto:

O programa de voluntario é obxecto de réplica e aplicación noutros centros penitenciarios do territorio español.
A raíz desta experiencia abríronse outras sete experiencias idénticas noutros Centros Penitenciairos.

 

MAIS INFORMACIÓN 

 Persoa de contacto:

D. José Antonio Pita Paz

Entidade:

C.B.S. Vilalba- Consellería de Traballo e Benestar

Teléfono:

982 510 135

Enderezo:

Praza da Constitución, s/n. 27800 Vilalba

Enderezo electrónico:

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

Páxina Web:

 

 

POR QUE É UNHA BOA PRÁCTICA?

 A Medalla de Prata ao Mérito Social Penitenciario concedida ó Programa de Voluntariado da ciber-aula do módulo Nelson Mandela o ano 2008 polo Ministerio de Interior é un recoñecemento de boa práctica da experiencia.
A innovación do programa de voluntariado está presente tanto na dimensión funcional como a nivel das necesidades e oportunidades da acción emprendida. A participación de diferentes actores no programa e a xeración dunha rede de colaboración que traballa na procura de solucións a través da posta en común dos coñecementos de cada unha das institucións e entidades participantes lle confiren tamén innovación a nivel relacional.
A colaboración de asociacións que aportan os recursos humanos necesarios para a implementación e sustentabilidade do programa confírelle factivilidade técnica.
As avaliacións realizadas amosan a información necesaria para redeseñar e adaptar o programa de formación de acordo aos intereses formativos e as posibilidades da asociación de volountariado e, demostra, o mesmo tempo, a transferibilidade do programa.